Sunday 19 de May de 2024

Aberta a inscrición para a Carreira Popular de Novo Mesoiro, que pecha esta edición do Coruña Corre


A carreira será o domingo 26 de novembro e xa hai 1.897 persoas anotadas na proba por estar inscritas na totalidade do circuíto

O domingo 26 de novembro terá lugar a XI Carreira Popular de Novo Mesoiro, que pecha a décima edición do circuíto Coruña Corre. A inscrición xa está aberta e conta con 1.897 persoas que xa formalizaron a súa participación no seu día incribíndose para a totalidade do circuíto.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición a través da páxina web de Coruña Corre ata o domingo 19 de novembro ás 23.59 horas. A carreira absoluta será de 5.535 metros de distancia. O resto de categorías, un total de seis máis, contarán con percorridos reducidos adaptados para todas as idades.

O circuíto Coruña Corre chega ao seu fin como un referente a nivel galego das carreiras populares e unha aposta decidida do Goberno de Inés Rey polo fomento de hábitos de vida saudables. Un dos obxectivos destas probas é a involucración dos distintos barrios nas actividades deportivas promovidas polo Concello.

A carreira percorrerá a maior parte do barrio, partindo do pavillón municipal de Novo Mesoiro, na rúa Ancares, e circulando na gran maioría do trazado por asfalto. A recollida de dorsais será o propio domingo 26 no polideportivo a partir das 09.00 horas e ata unha hora antes de cada carreira.